1. OBXECTIVOS

Coa creación dos premios, EGANET tenta estimular o labor de creación dos empresarios, profesionais e outros axentes que, sentíndose comprometidos coa expansión da Sociedade da Información en Galicia, deseñan, programan e desenvolven produtos e servizos que teñen en Internet e noutras novas tecnoloxías da información a súa razón de ser.

2. REQUISITOS DOS SOLICITANTES

Poderán presentar as súas candidaturas a estes premios empresas, asociacións empresariais, entes públicos, organizacións do denominado Terceiro Sector (ONGs, asociacións, fundacións, etc.), profesionais e calquera outro organismo ou particular con sede social en Galicia e que desenvolvan proxectos no campo das novas tecnoloxías da información e a comunicación (NTICs). Tamén poderán participar os que non teñan sede social ou domicilio dentro da Comunidade Autónoma Galega, sempre que teñan un vencello claro con Galicia, de tipo cultural, lingüístico ou social.
Cada participante poderá presentar o mesmo proxecto a un máximo de tres categorías, non habendo límite no número de proxectos que presentaren.

Non poderán ser presentados a ningunha categoría proxectos xa premiados en calquera categoría de edicións anteriores, a non ser que exista una variación nos mesmos que así o xustifique e que deberá ser expresada, nese caso, polo/a candidato/a na Memoria que presente.

Os traballos que se presenten deberán ser realizados de conformidade coas licencias do software empregado polos autores e respectando os dereitos de propiedade intelectual de todos e cada un dos elementos que o compoñan. Se comprobar o incumprimento destas condicións ou de calquera outras incluídas nestas bases, ou a inclusión de datos falsos na documentación remitida, as candidaturas serán rexeitadas e en caso de ter acadado algún dos premios, estes quedarán sen efecto.

3. CATEGORÍAS

As categorías recollidas son nove, as que se engade o Premio Especial EGANET que a Asociación outorga ao proxecto, entidades ou personalidades galega que desde a última edición, máis se teñan esforzado en daren a coñecer e impulsaren a realidade galega no entorno de Internet e que, deste xeito, contribúan a promocionar as novas tecnoloxías na sociedade galega. Para este premio non se recibirán candidaturas e será a Asociación quen elixa directamente ao premiado ou premiada.

Cando se mencionen a continuación “sitios web” entenderase por tales calquera tipoloxía de proxecto accesible na WWW e formado por páxinas web, como portais, blogs, extranets, directorios, buscadores, webzines, foros, comunidades, webs soporte a redes sociais, ou calquera outro tipo de sitio web.

3.1) Premio E-EMPRENDEDORES.
3.2) Premio SOFTWARE LIBRE.
3.3) Premio CULTURA DIXITAL.
3.4) Premio COMUNICACIÓN WEB EMPRESARIAL.
3.5) Premio SOCIEDADE WEB.
3.6) Premio APLICACIÓN ON-LINE.
3.7) Premio E-COMMERCE.
3.8) Premio PUBLICIDADE ONLINE
3.9) Premio TECNOLOXÍA ACCESIBLE E SEGURA.

4. SISTEMA DE VOTACIÓN

O xurado será nomeado pola directiva de EGANET, e estará formado en cada categoría, polo seu patrocinador, o/a gañador/a da edición anterior (no caso de que o desexe e de que non presente candidatura na presente edición nesa categoría), un número variable de socios de EGANET expertos na categoría e que non presenten candidatura dentro dela, e un número variable de empresas, asociacións ou profesionais alleos a EGANET, expertos tamén na categoría e que non presenten candidatura ao dito premio.

O proceso de votación será definido polos organizadores e realizado en base a parámetros o máis obxectivables posible. Cada xurado puntuará cada candidatura válida seguindo eses parámetros, con liberdade de criterio, e as súas puntuacións serán sumadas para determinar finalistas e gañadores. Os votos de cada membro do xurado serán secretos. Os organizadores velarán na selección dos xurados para que non participen na avaliación de candidaturas coas que teñan relación directa.

Unha vez que se realice a votación, farase pública unha lista con catro finalistas por categoría, sendo segredo o/a gañador/a de cada categoría, que se dará a coñecer na gala de entrega. No caso de que non se puidera determinar o/a gañador/a ou os tres finalistas nunha categoría debido a obtención da mesma puntuación entre dúas ou máis candidaturas, o patrocinador desa categoría contará cun voto de calidade.

O xurado resérvase o dereito de declarar deserto o premio nunha ou varias categorías, no caso de non recibir ningunha candidatura ou, téndoas recibido, porque non teñan ao seu entender a calidade suficiente como para ser premiadas.

Se unha candidatura presentada a unha determinada categoría non cumprise, a criterio do xurado ou dos organizadores, cos requisitos da mesma, pero si se axeitase aos doutra, poderá ser considerada como candidata á esoutra categoría.

5. GALARDÓNS E A SUA DIFUSIÓN

Os premiados recibirán un trofeo representativo exclusivo, deseñado por un/ha artista galego/a e fabricado en Galicia. Non comportan dotación económica, ao se tratar de galardóns de honor que distinguen a calidade.

Os finalistas que non resulten gañadores recibirán unha figura conmemorativa de cerámica.

Recoméndase que os premiados amosen na páxina principal do seu sitio web o logo acreditativo (que a tales efectos lles entregará en formato dixital EGANET) ligado para www.premioseganet.com, como mínimo ate a celebración da seguinte edición dos premios. Tamén se considera axeitado que publiquen no seu web unha nota dando a coñecer o premio recibido, que poderá ser redactada por eles mesmos; alternativamente poderán utilizar unha nota xenérica facilitada por EGANET. Loxicamente esta recomendación en canto á difusión dos galardóns non atinxe aqueles premiados que non dispoñan de sitio web, así como aqueles sitios web que, aínda pertencendo ao premiado, non teñan que ver coa candidatura premiada. Os finalistas tamén poderán amosar o logo acreditativo da súa condición, se así o desexan, nas mesmas condicións.

Aparte desta difusión online, os premiados e finalistas poderán facer outra publicidade do galardón noutros medios (membretes de empresa, anuncios publicitarios, etc.). Calquera uso do logotipo ou da mención da súa condición de premiado ou finalista, sempre deberá ser de conformidade coa imaxe oficial autorizada por EGANET e especificando obrigatoriamente, en lugar visible e de maneira clara, o ano e a categoría no que foron premiados ou foron finalistas, e no caso de facer esa publicidade na WWW, dispoñendo unha ligazón directa á páxina principal do sitio web www.premioseganet.com ou outra que sexa acordada cos responsables de EGANET.

Pola súa banda, EGANET procederá a incluir, no caso dos proxectos premiados con presenza na WWW, unha ligazón a cada un deles dentro do sitio web www.premioseganet.com onde terá presenza cando menos ate a posta en marcha da edición do ano seguinte.

6. DOCUMENTACIÓN.

Os interesados en presentar unha candidatura aos premios EGANET deberá presentar a seguinte documentación por cada categoría á que se presente. Toda a documentación debe ser presentada en soporte electrónico e soamente se considerará para a valoración das candidaturas esta documentación, é decir que non se solicitará outra aos candidatos.  

- Solicitude na que conste, obrigatoriamente: nome da persoa física ou xurídica candidata; CIF, NIF ou equivalente; domicilio legal; número de teléfono; persoa de contacto; dirección de correo electrónico; categoría ou categorías ás que presenta a candidatura.

- O modelo de solicitude pode atopalo AQUI

- Memoria explicativa onde se resuma o proxecto e se xustifique que cumpre os requisitos que esixe a categoría. Deberá estar en formato RTF e non debe estenderse máis aló de 1.500 palabras. Non incluirá capturas de pantalla, que no seu caso, irán como arquivos aparte.
Seguirá obrigatoriamente o seguinte esquema:
      Breve presentación da entidade ou persoa candidata.
      Descrición do proxecto, iniciativa, servizo, web... que se presenta. Incluirá, cando menos:
                  * Características técnicas e funcionais, obxectivos, usuarios (tipo e número), innovacións que achega e historia.
                  * Características do mesmo a efectos da súa valoración, facendo referencia ao cumprimento dos criterios e obxectivos
                     expresados nas bases.

- Capturas de pantalla no número que considere o/a solicitante. No caso de se referir a candidatura a un web, deberán ser tomadas a resolución de pantalla de 1024x768 pixels, incluíndo ou non a ventá do navegador. En casos de videoxogos, servizos móbiles, etc. poderanse presentar noutros tamaños. En calquera caso, deberán estar en formato JPEG, GIF ou PNG e non superar en conxunto os 1.024 KB.

- Documentación e/ou arquivos complementarios que o/a solicitante considere oportunos para unha mellor valoración do seu proxecto por parte do xurado. Aconséllase que estean en formatos doadamente accesibles tanto desde PCs con sistemas Windows como desde GNU-Linux, para que poidan ser axeitadamente tidos en conta polos diversos xurados, sendo preferibles formatos accesibles con calquera navegador web moderno (p.ex. arquivos HTML ligados entre si a partir dun índice), e en total non deberá exceder os 1.024 KB. En caso de se presentaren comprimidos deberá ser en formato ZIP, RAR, ACE ou autoextraíble.

- A documentación poderá estar en idioma galego ou castelán. Poderase aceptar o inglés nalgunha documentación complementaria.

7. PRAZO E LUGAR DE PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 7 de maio de 2008.

A presentación das candidaturas poderá facerse por calquera destas tres vías:

- Cumprimentado e enviando o formulario que aparece no sitio web www.premioseganet.com

- Descargando o formulario que aparece na web e enviándoo adxunto CON ACUSE DE RECIBO ao enderezo de correo candidaturas@premioseganet.com

- Enviando CD-ROM por correo certificado e con acuse de recibo a: EGANET Edif. Uninova (Recinto Mercagalicia); Vía La Cierva s/n Polígono Ind. do Tambre. 15890 Santiago de Compostela

A data de presentación entenderase a de recepción do formulario no caso de remisión vía web, a de envío do e-mail, no seu caso, e a data de franqueo no caso de envío postal.

En caso de se producir algún tipo de incidencia no proceso de presentación da candidatura os candidatos poden dirixirse a premios@premioseganet.com solicitando información ou expoñendo a incidencia.

8. ASPECTOS LEGAIS

A organización resérvase o dereito de modificar as bases dos premios, parcial ou totalmente en calquera momento. Esas modificacións constarán no web oficial dos premios www.premioseganet.com e os candidatos enténdese que coñecen e aceptan a última versión que delas conste publicada no devandito web.

O feito de presentar a candidatura aos premios, implica a aceptación destas bases na súa totalidade.

A directiva de EGANET, ou no seu caso a comisión na que delegue, será a única instancia autorizada para a interpretación das presentes bases, para o cal poderá solicitar os informes ou asesoramento que considere oportunos, e as súas decisións serán inapelables.