1. Premio E-EMPRENDEDORES.
Poden optar as empresas constituídas maioritariamente por menores de 35 anos que desenvolvan un proxecto empresarial con menos de 3 anos, relacionado directamente con Internet ou outras NTICs.
Valoraranse especialmente o seu grao de innovación, a súa repercusión social e económica, a xeración de emprego así como a utilización óptima das NTIC na súa estratexia empresarial.
2. Premio SOFTWARE LIBRE.
Poden optar nesta categoría as iniciativas de uso, creación e/ou difusión de tecnoloxías de código aberto por parte de particulares, organismos privados ou públicos, considerándose de especial interese a contribución que supoñan á comunidade opensource e mais á sociedade galega.
3. Premio CULTURA DIXITAL.
Poden optar as creacións artísticas da denominada “net.art” e outras que empreguen as NTIC como medio e que non poidan ser experimentadas de xeito total máis que nese medio dixital. Valorarase de xeito especial o carácter multimedia, a orixinalidade, o aproveitamento que fagan do medio dixital e da interactividade, a creatividade, o deseño da mesma e a experiencia que supoña para os usuarios.
Os xogos online e/ou interactivos que empreguen as NTIC tamén serán considerados nesta categoría. Serán avaliadas negativamente aquelas obras que o xurado considere que promovan a violencia, calquera tipo de discriminación, hábitos non saudables ou valores negativos, sobre todo cando teñan como público obxectivo os menores de idade.
4. Premio COMUNICACIÓN WEB EMPRESARIAL.
Poden optar os sitios web de empresas ou profesionais, agás aqueles que supoñan principalmente unha actividade de venda electrónica.
Premiarase a súa orixinalidade, calidade, utilidade para os usuarios, o seu deseño e as súas funcionalidades de cara ós internautas galegos.
A este Premio poderán optar tamén os sitios webs de medios de comunicación, sempre que supoñan actividade comercial.
5. Premio SOCIEDADE WEB.
Poderán optar sitios web de institucións oficiais, asociacións empresariais, sociais, deportivas ou culturais, entes públicos galegos e calquera outro web público ou non-lucrativo, incluídos os persoais, valorándose especialmente a súa funcionalidade e utilidade, así como a súa orientación cara os cidadáns, a participación que se permita destes, a interactividade, o achegamento que permitan ás NTICs aos colectivos máis desfavorecidos, o emprego da lingua galega, así como o seu deseño.
Serán de especial interese os sitios web que acheguen contidos e/ou servizos de interese social, formativo ou cultural aos cidadáns e que contribúan á promoción das NTIC entre os galegos.
6. Premio APLICACIÓN ON-LINE.
Poderán optar as aplicacións e módulos software que resulten de utilidade principalmente na empresa e que teñan como eido de aplicación a Internet, aínda que poida explotarse dende outros ámbitos (intranets, redes móbiles, etc.). Non é preciso que constitúan produtos ou servizos completos, e valorarase non só a súa utilidade, senón tamén a súa facilidade de uso, así coma a súa innovación no mercado galego.
Entroutros tipos de aplicacións poderán optar: aplicacións instalables, applets, servizos ASP (Application Service Provider), mash-ups, APIs (Application Programming Interface) e calquera biblioteca de código. Tamén terán acollida nesta categoría as aplicacións especialmente desenvolvidas para dispositivos de mobilidade: PDAs, teléfonos móbiles, etc. que fagan uso de calquera tecnoloxía inalámbrica.
7. Premio E-COMMERCE.
Poderán optar as iniciativas empresariais galegas en Internet. Valoraranse especialmente as que non empreguen a Internet como un sistema máis de comunicación, e que integren a Rede na súa estrutura de negocio nun uso óptimo das posibilidades do comercio electrónico entendido no seu sentido amplo e non limitado á venda online.
Serán de especial interese aquelas empresas que teñan aproveitado a Rede para redefinir dunha maneira óptima os seus procesos empresariais ou os seus obxectivos, e aquelas que integren totalmente a súa presenza online nun plan estratéxico empresarial.
8. Premio PUBLICIDADE ONLINE
Poderán optar aquelas campañas creadas por profesionais galegos que fixeran mellor uso das posibilidades que para a publicidade ofrece Internet, valorándose a orixinalidade, planificación, creatividade e resultados das campañas así como a súa integración en Plans Integrais de Marketing Online.
Poderán optar non soamente aquelas que usaran unicamente medios online, senón tamén aquelas que foran multincanle, sempre e cando fixeran un destacado uso destes medios. Tamén poderán optar webs que funcionen como soportes publicitarios ou servizos de publicidade online, que sirvan para a difusión de campañas de calidade que segan os criterios devanditos.
Nesta categoría poderán participar tanto axencias de publicidade como os propios anunciantes, os soportes publicitarios e as empresas ou profesionais que fornezan servizos de publicidade online.
9. Premio TECNOLOXÍA ACCESIBLE E SEGURA.
Poderán optar as iniciativas que vaian dirixidas a crear e difundir unhas NTIC accesibles (hardware, software, accesibilidade a sitios web...) para aqueles que se atopan nunha situación de desvantaxe, como as persoas maiores e as persoas con discapacidade ou mobilidade reducida, e tamén as dirixidas a crear e difundir unhas NTIC seguras especialmente para os colectivos máis expostos aos riscos que poidan supoñer (menores, discapacidade intelectual, persoas inexpertas, etc.).
Valoraranse especialmente as tecnoloxías ou desenvolvementos que sexan sinxelos de empregar mesmo para os usuarios menos expertos (deseño para todos), que sexan prácticos (útiles para calquera) e seguros (sen riscos), así como os máis innovadores e os dirixidos aos colectivos con maiores dificultades de acceso ás NTIC. |