O acto de entrega dos galardóns terá lugar o 22 de maio ás 20:00 h. no Hotel San Francisco (Campillo de San Francisco, 3. 15705 Santiago de Compostela). Os premios non comportan dotación económica, ao se tratar de galardóns de honor que distinguen a calidade.

Os gañadores recibirán unha figura conmemorativa deseñada por un/ha artista galego/a e fabricado en Galicia. Nesta edición, a diferenza das anteriores, haberá un recoñecemento para os finalistas. Tamén haberá unha distinción para as empresas socias que conten con máis de 10 anos de antigüidade.

Recoméndase que os premiados amosen na páxina principal do seu sitio web o logo acreditativo (que a tales efectos lles entregará en formato dixital EGANET) ligado para www.premioseganet.com, como mínimo ate a celebración da seguinte edición dos premios. Tamén se considera axeitado que publiquen no seu web unha nota dando a coñecer o premio recibido, que poderá ser redactada por eles mesmos; alternativamente poderán utilizar unha nota xenérica facilitada por EGANET. Loxicamente esta recomendación en canto á difusión dos galardóns non atinxe aqueles premiados que non dispoñan de sitio web, así como aqueles sitios web que, aínda pertencendo ao premiado, non teñan que ver coa candidatura premiada.

Os finalistas tamén poderán amosar o logo acreditativo da súa condición, se así o desexan, nas mesmas condicións. Aparte desta difusión online, os premiados e finalistas poderán facer outra publicidade do galardón noutros medios (membretes de empresa, anuncios publicitarios, etc.).

Calquera uso do logotipo ou da mención da súa condición de premiado ou finalista, sempre deberá ser de conformidade coa imaxe oficial autorizada por EGANET e especificando obrigatoriamente, en lugar visible e de maneira clara, o ano e a categoría no que foron premiados ou foron finalistas, e no caso de facer esa publicidade na WWW, dispoñendo unha ligazón directa á páxina principal do sitio web www.premioseganet.com ou outra que sexa acordada cos responsables de EGANET. Pola súa banda, EGANET procederá a incluir, no caso dos proxectos premiados con presenza na WWW, unha ligazón a cada un deles dentro do sitio web www.premioseganet.com onde terá presenza cando menos ate a posta en marcha da edición do ano seguinte.