1. NOVAS PREMIOS EGANET 2. DESCARGA DE BANNERS  

1. NOVAS PREMIOS EGANET

23/05/2008

ENTREGADOS OS GALARDÓNS DOS PREMIOS EGANET NA SÚA QUINTA CONVOCATORIA

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías (Eganet) deu a coñecer hoxe os gañadores da quinta edición dos seus premios, no decurso dunha gala celebrada esta mesma noite no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, na que se reuniu unha importante representación do sector TIC galego, ademais de diversas autoridades. A presidenta da Asociación, Beatriz Legerén, apostou na súa intervención por unha “tecnoloxía que nos faga a todos máis libres e iguais”. Despois de cinco edicións, os Premios Eganet son xa un “referente na sociedade da información e da comunicación”, sinalou a responsable das empresas asociadas.

Gañadores dos Premios Eganet:

. PREMIO E-EMPRENDEDORES:

-Thermosentinel S.L. (Santiago de Compostela)
Título da campaña: Supervisión telemática Thermosentinel

. PREMIO SOFTWARE LIBRE:
-Sixtema (Soluciones y Proyectos de Información S.L.)(Santiago de Compostela)
Título da campaña: Catálogo GIS

. PREMIO CULTURA DIXITAL:
-Pixel Grafics S.L. (Vigo)
Título da campaña: SQR

. PREMIO COMUNICACIÓN WEB EMPRESARIAL:
-Pedro Figueras Comunicación (Vigo)
Título da campaña: A Nosa Terra Diario

. PREMIO SOCIEDADE WEB:
-Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade
(Santiago de Compostela)
Título da campaña: Espazo web do Voluntariado Galego.

. PREMIO APLICACIÓN ON-LINE:
-Netex Knowledge Factory (Oleiros)
Título da campaña: Kubbe


. PREMIO E-COMMERCE:
-Visual Publinet S.L. (Vigo)
Título da campaña: La Manzana del Cuento

. PREMIO PUBLICIDADE ON-LINE:
-La Nuestra Comunicación Publicitaria (Oleiros)
Título da campaña: Xornadas de publicidade Marca Galicia

. PREMIO TECNOLOXÍA ACCESIBLE E SEGURA:
- Asociación de Persoas Xordas de Lugo e a Rede de Dinamización da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria
Título da campaña: E-Signovisual

. PREMIO ESPECIAL:
-Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal), sociedade pública fundada no ano 1997 que xestiona as infraestruturas, servizos e sistemas de transporte e difusión dos sinais analóxicos e dixitais da Radio e a Televisión de Galicia, ademais doutras cadeas. Con este galardón, Eganet recoñece “a actividade de vertebración territorial desenvolvida por Retegal a través da modernización das infraestruturas de telecomunicacións”.


Durante a súa intervención no transcurso do acto, a presidenta de Eganet, Beatriz Legerén, destacou a excelencia dos traballos presentados, 182 candidaturas en total. Para a responsable da Asociación, “a calidade das propostas é unha demostración clara e contundente da alta profesionalización do sector en Galicia e unha demostración da capacidade emprendedora de todos e cada un dos participantes”. Así mesmo, destacou que Eganet seguirá traballando para cohesionar e fortalecer o tecido empresarial das TIC,s para acadar melloras na competitividade, para incrementar a rendibilidade de cada empresa e achegar todas estas posibilidades de mellora que ofrecen as TIC á toda a cidadanía galega”.

RECOÑECEMENTOS
Na quinta convocatoria dos seus premios, Eganet, consciente das dificultades que deben atravesar os proxectos empresarias para permanecer no sector debido á rapidez coa que mudan as tendencias e a constante innovación, realizou na propia gala de entrega dos premios un recoñecemento ás empresas socias que levan 10 anos creando e traballando no sector. Deste xeito, os proxectos empresariais homenaxeados foron: Bonaval Multimedia, Galinor Servicios Internet, Imaxin Software, Interacción, Netex Knowledge Factory, Telémaco e Visual Publinet.

Con anterioridade ao recoñecemento público dos proxectos empresariais sinalados, o responsable de Comunicación de Eganet, Daniel Cerqueiro, subliñou no seu discurso o “difícil escenario no que se moven as empresas da sociedade da información e a comunicación”. Despois de facer un repaso á situación socioeconómica á que se enfronta o sector, Cerqueiro indicou que o tecido empresarial TIC conta cun “alto risco de disolución ou de reconversión”. Ademais, afirmou que son poucas as pequenas empresas TIC que manteñen neste mercado, tan competitivo, durante dez anos de existencia”.

HOMENAXE A XOSÉ RAMÓN PAIS
Así mesmo, esta noite Eganet rendeulle homenaxe ao ex-presidente da Asociación, Xosé Ramón Pais Curto, quen recibiu unha placa conmemorativa por mor do labor desenvolvido durante o tempo que estivo á fronte da mesma.

Cómpre lembrar que Eganet é unha entidade que aglutina as empresas que desenvolven contidos para Internet e novas tecnoloxías en Galicia e cuxa misión é defender os intereses do sector para así contribuír ao desenvolvemento e adaptación da sociedade ás novas tecnoloxías.


16/05/2008

ELIXIDOS OS FINALISTAS DA QUINTA EDICIÓN DOS PREMIOS EGANET

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2008.- Os xurados dos premios d’Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías (Eganet) seleccionaron xa os finalistas das distintas modalidades convocadas nesta quinta edición. En total, presentáronse 182 candidaturas (fronte ás 173 recibidas na edición do ano pasado) e 74 empresas (3 máis que en 2007). A gala de entrega dos galardón celebrarase o vindeiro día 22 de maio, no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, e estará presentada polo xornalista radiofónico Fran Hermida.

Finalistas dos Premios Eganet:

. Premio E-emprendedores:
-Ontouch (Santiago de Compostela)
Título da campaña: OnTouch
-Thermosentinel S.L. (Santiago de Compostela)
Título da campaña: Supervisión telemática Thermosentinel
-Ipoki Tecnologies S.L. (A Coruña)
Título da campaña: Ipoki
-Sond3 diseño&desarrollo (Lugo)
Título da campaña: Sond3

. Premio Software Libre:
-Caixanova (Vigo)
Título da campaña: Comunidade de usuarios e portal de contidos de Joomla
-Sixtema (Soluciones y Proyectos de Información S.L.)(Santiago de Compostela)
Título da campaña: Catálogo GIS
-Centro Tecnológico AIMEN (O Porriño)
Título da campaña: Obtesol, Observatorio Tecnológico de la Soldadura
-Aplicaciones Yredes (A Guarda)
Título da campaña: Módulo AVCC de A Voltas cos Contos

. Premio Cultura Dixital:
-Ideaspropias Publicidad e Ideaspropias Editorial (Vigo)
Título da campaña: Cd multimedia da Federación Galega de Comercio: Empresa familiar comercial, traspaso e venda
-Imaxin Software (Vigo)
Título da campaña: A granxa de Venancio
-Pixel Grafics S.L. (Vigo)
Título da campaña: SQR
-Visual Publinet (Vigo)
Título da campaña: Zoo de Vigo

. Premio Comunicación Web Empresarial:
-Xornal Galinet S.A. (A Coruña)
Título da campaña: Xornal.com
-Visual Publinet (Vigo)
Título da campaña: Grupo Radio Vigo http://www.radiovigo.es
-Interaccion CIM S.L. (Vigo)
Título da campaña: Redeseño http://www.pescanova.es
-Pedro Figueras Comunicación (Vigo)
Título da campaña: A Nosa Terra Diario

. Premio Sociedade Web:
-Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade (Santiago de Compostela)
Título da campaña: Espazo web do Voluntariado Galego.
-Interacción CIM S.L. (Vigo)
Título da campaña: Mullerciencia.org.
-BAP&Conde (A Coruña)
Título da campaña: Prensa Escuela
-AVA (Santiago de Compostela)
Título da campaña: Brión Dixital

. Premio Aplicación on-line:
-Netex Knowledge Factory (Oleiros)
Título da campaña: Kubbe
-IGAEM (Santiago de Compostela)
Título da campaña: Sistema de contratación e xestión da escena galega
-Tredess 2010 S.L. (Santiago de Compostela)
Título da campaña: Sistema de vídeo supervisión por IP
-Pexego Sistemas Informáticos (Lugo)
Título da campaña: Aplicativo multilingual e plural de bens inmobles, coches v.o. e maquinaria

. Premio E-Commerce:
-Navales M. Chicolino (Boiro)
Título da campaña: Naval Chicolino
-Ben Inversion S.L. (Rianxo)
Título da campaña: Reposicionamento do comercio minorista
-Visual Publinet S.L. (Vigo)
Título da campaña: http://www.lamanzanadelcuento.com
-Serviweb Networks S.L. (Ames)
Título da campaña: Portal de reservas

. Premio Publicidade on-line:
-La Nuestra Comunicación Publicitaria (Oleiros)
Título da campaña: Xornadas de publicidade Marca Galicia
-Elogia Media/Galicia Banner (Vigo)
Título da campaña: Privaliza, Prezo Privalia
-Factoría Eurodigital S.L. (Pontevedra)
Título da campaña: http://www.descubregalicia.com
-La Nuestra Comunicación Publicitaria (Oleiros)
Título da campaña: Campaña Movemento contra a Lei de Murphy

. Premio Tecnoloxía Accesible e Segura:
-Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento
Tecnolóxico de Galicia (Santiago de Compostela)
Título da campaña: E-Signovisual (Tecnoloxía Accesíbel)
-GPI-RV Universidade de Vigo (Vigo)
Título da campaña: Ubuntu para Maiores
-Federación de Asociación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) (A Coruña)
Título da campaña: Rede Xorda Galega
-Wireless Galicia S.L. (A Coruña)
Título da campaña: Prototipo de báscula con interface bluetooth para o seguimento domiciliario de parámetros médicos en pacientes con patoloxías crónicas

Os Premios Eganet 2008 contemplan, á parte das 9 categorías sinaladas, o Premio Especial, que a Asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega que, desde a última edición do certame, se teña esforzado en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno tecnolóxico e de Internet e que, así, contribúa a promocionar as novas tecnoloxías e a sociedade da información na sociedade galega. Neste caso, non se reciben candidaturas, senón que é a propia Asociación a que elixe directamente o premiado ou premiada.

RECOÑECEMENTO A 10 ANOS DE EXISTENCIA
A organización dos Premios Eganet 2008, consciente das dificultades que deben atravesar os proxectos empresarias para permanecer no sector TIC debido á rapidez coa que mudan as tendencias e a constante innovación, realizará na propia gala de entrega dos premios un recoñecemento ás empresas socias de Eganet que levan 10 anos creando e traballando no sector.


22/04/2008

ABERTA A CONVOCATORIA DA QUINTA EDICIÓN DOS PREMIOS EGANET, CON NOVE CATEGORÍAS E UN GALARDÓN ESPECIAL

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2008.- A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías (Eganet) afronta a quinta edición dos seus premios, a través do cales tenta estimular o labor de creación dos empresarios, profesionais e outros axentes que, partindo do seu compromiso coa sociedade da información en Galicia, deseñan, programan e desenvolven produtos e servizos que teñen en Internet e noutras novas tecnoloxías da información a súa razón ser. Deste xeito, o prazo de recepción de candidaturas está aberto ata o vindeiro día 7 de maio, data límite de presentación das mesmas.

Eganet difundiu xa as bases do premio a máis de 500 empresas relacionadas coa sociedade da información e a uns 1.000 correos electrónicos. Na web http://www.premioseganet.com figuran as bases do Premio Eganet 2008 para que os interesados as poidan consultar e coñezan a documentación que cómpre presentar, así como o modelo de solicitude. Tamén poden obter máis información no correo electrónico premios@premioseganet.com ou no teléfono 981 936 331.

Poderán presentar candidaturas aos galardóns as empresas, asociacións empresariais, entes públicos, organizacións do denominado terceiro sector (ONGs, asociacións, fundacións, etc.), profesionais e calquera outro organismo ou particular con sede oficial en Galicia e que desenvolva proxectos no campo das novas tecnoloxías da información e a comunicación (NTICs). Asemade, poderán participar aqueles que non teñan sede social ou domicilio dentro da Comunidade Autónoma Galega sempre que teñan un vínculo claro con Galicia.

Os Premios Eganet 2008 contemplan un total de 9 categorías máis un premio especial:
.Premio E-emprendedores
.Premio Software Libre
.Premio Cultura Dixital
.Premio Comunicación Web Empresarial
.Premio Sociedade Web
.Premio Aplicación on-line
.Premio E-Commerce
.Premio Publicidade online
.Premio Tecnoloxía Accesible e Segura

Engádese ás anteriores categorías o Premio Especial Eganet, que a Asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega que, desde a última edición do certame, se teñan esforzado en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno de Internet e que, así, contribúa a promocionar as novas tecnoloxías na sociedade galega. Neste caso, non se reciben candidaturas, senón que será a Asociación quen elixa directamente o premiado ou premiada.

ENTREGA O 22 DE MAIO

Unha vez que os membros do xurado (contémplase un xurado por categoría) realicen a votación das candidaturas presentadas, farase pública unha lista con catro finalistas por categoría, sendo secreto/a o/a gañador/a de cada modalidade ata a celebración da gala de entrega dos galardóns. A entrega dos premios terá lugar o día 22 de maio no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, e os gañadores recibirán unha escultura conmemorativa. Xunto coa entrega dos galardóns, a organización prevé facerlles un recoñecemento ás empresas asociadas a Eganet que levan no mercado traballando 10 anos.

Como novidade nesta edición dos Premios Eganet, haberá catro finalistas por categoría (fronte aos 3 de anos anteriores), que recibirán unha escultura en cerámica en recoñecemento ao posto de finalistas.

Para finalizar, cómpre lembrar que Eganet é unha entidade que aglutina as empresas que desenvolven contidos para Internet e novas tecnoloxías en Galicia e cuxa misión é defender os intereses do sector para así contribuír ao desenvolvemento e adaptación da sociedade ás novas tecnoloxías.


2. DESCARGA DE BANNERS

 
Dimensiones en píxeles: 200 X 200 px
DESCARGAR
 
Dimensiones en píxeles: 300 X 300 px
DESCARGAR
 
Dimensiones en píxeles: 468 X 60 px
DESCARGAR
 
Dimensiones en píxeles: 640 X 50 px
DESCARGAR
 
Dimensiones en píxeles: 728 X 90 px
DESCARGAR